29 setembro 2015

Valoracións da CIG sobre a negociación do ERE e a folga

O luns 28 de setembro, a empresa presentou na mesa negociadora unha proposta que definiu como definitiva pola súa parte e que mantén o número de despedimentos por riba dos mil para o conxunto de Vodafone e Ono.
De maneira resumida, consiste no seguinte:
  • 1.059 despedimentos entre Vodafone e Ono.
  • Indemnización de 45/33 días de salario por ano traballado, co tope establecido no artigo 56 do Estatuto do Traballador: 24 mensualidades.
  • Acéptanse adscricións voluntarias, pero a empresa resérvase a posibilidade de veto.
  • Prexubilación para persoas afectadas polo ERE que teñan 55 anos ou máis a 30/06/2016.
  • Plan de recolocación externa.
Adicionalmente, proponse o seguinte para as persoas que permanezan na empresa:
  • Garantía de non acometer despedimentos colectivos ou externalizacións ata o 31/12/2016.
  • Ampliación parcial do seguro de saúde a cónxuxes e fillos/as de empregados/as.
  • Aumento do importe anual dos tickets restaurante ata os 1.500 €.
  • Eliminación da axuda para empregados/as con fillos/as menores de 4 anos, mantendo as que estean en curso.
  • Eliminación da redución do 15% do STIP e do 6% dos incentivos que se aplicara no ERE de 2013.
  • Incremento salarial do 2%, automático en xullo de 2016, e ligado a determinados condicionantes a partir dese ano.
  • Incremento do período de xornada intensiva, que pasa de mes e medio a dous meses.
 
UGT e STC fixeron unha valoración positiva desta oferta, mentres que CCOO e a CIG opinamos o contrario.

Na CIG non podemos alegrarnos do resultado desta negociación, na que se dedicou máis tempo a falar das posibles indemnizacións e das melloras das condicións das persoas que continúen na empresa, que de reducir os despedimentos.

Despois de que no ERE de 2013 se despedisen ou externalizasen máis de 700 persoas, non podemos aceptar que en Vodafone se despidan  ata 437 máis este ano.
Para nós, isto é do que se debía falar na negociación, e para o que se debían buscar medidas alternativas.

Os cálculos cos que a empresa intentou xustificar este volume de despedimentos foron cuestionados por todos os sindicatos, pero non se chegaron a refacer en ningún momento. A consultora que preparou o informe técnico da empresa partiu de premisas erróneas sobre o volume de actividade prevista, para chegar ao número de despedimentos que a empresa pretendía.

Asimesmo, as rebaixas por parte da empresa, 55 afectados/as menos en Vodafone (reunión do 22 de setembro) e 100 menos no conxunto de Vodafone e Ono (reunión do 28), son tímidas, e non responden a unha redefinición dos cálculos do informe técnico.

Nesta situación, eran necesarias medidas de presión proporcionais ao impacto que ía ter o ERE sobre o emprego. No entanto, o que se fixo foi convocar unha folga tarde, e de forma prácticamente testemuñal.
Convocar unha folga cando xa se están regateando as condicións das indemnizacións, non anima a que a xente a secunde para reducir despedimentos. E a decisión de UGT e STC de introducir na negociación as condicións das persoas que se quedan, para o que serve é para que as que consideran que teñen opcións de continuar na empresa non se mobilicen para defender os postos de traballo.
En vez de fomentar a solidariedade entre os/as traballadores/as, o que se fixo foi pór en bandexa á empresa o despedimento colectivo que pretendía levar a cabo.

Como punto positivo, destacamos o comportamento do persoal de Vigo, que coa súa masiva participación na folga e manifestación do luns 28, deu un exemplo do que significa a defensa do emprego. Esa é a actitude que se necesitaba, pero non se deu en todas as sedes da empresa. Concretamente, en Madrid, como sede na que traballa a maioría do persoal, terá que darse unha profunda reflexión sobre o acontecido, se queremos ter alguna esperanza de que en pouco tempo non volvamos a sufrir o deste ERE.