29 setembro 2009

O dereito ás vacacións persiste mesmo estando de baixa



O Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas (TXCE) resolveu na sentenza do 20 de xaneiro de 2009 (asuntos acumulados C-350/06 e C-520/06):

  1. O dereito a vacacións persiste unha vez finalizado o ano civil, sempre e cando o traballador/a non puidese exercitalo porque estivo de baixa por enfermidade durante todo ese tempo ou parte del. Isto sería igualmente aplicable ás traballadoras en situación de baixa por maternidade.

  2. En caso de extinción da relación laboral, deben compensarse economicamente as vacacións anuais non gozadas se o traballador/a non exercitou o dereito por estar de baixa médica ata a finalización do seu contrato e durante o período de reporte ou prórroga. A compensación consistirá na retribución ordinaria que cobraría o traballador/a en caso de exercer o seu dereito a vacacións.


Aínda que a sentenza non o di expresamente, enténdese que a regra xeral é que, nestes supostos, as vacacións serán gozadas unha vez finalizada a licenza por enfermidade. Só cabe a compensación económica en caso de que a relación laboral se extinga.

A sentenza do TXCE resulta vinculante para os órganos xudiciais estatais.















Sentenza en Galiza


Unha das primeiras sentenzas en Galiza foi ditada polo Xulgado do Social número 1 da Coruña, e recoñocía o dereito dunha traballadora do hospital San Rafael a gozar das vacacións logo dunha baixa por incapacidade temporal.


O calendario establecido polo Instituto Médico Cirúrxico San Rafael asignaba dous periodos de vacacións de 15 días á traballadora afectada, que ían do 1 ao 15 de xuño e do 17 ao 30 de agosto de 2009. Non obstante, a traballadora permaneceu de baixa por incapacidade temporal dende outubro de 2008 ata finais de xullo de 2009, non podendo gozar deste xeito da metade dos días de vacacións que lle correspondían. No momento de incorporarse á súa actividade solicitou un novo periodo de vacacións, petición que a empresa se negou a outorgar e pola cal se iniciou unha demanda no Xulgado do Social, que finalmente recoñece o dereito da traballadora.


A sentenza establece que "non se pode negar -como se pretende facer por parte da empresa- que á actora lle restan quince días de vacacións por gozar, tendo en conta que a quincena fixada inicialmente era de imposible goce, xa que se atopaba de baixa".


Agora, a empresa terá que conceder un novo periodo de vacacións á traballadora, fixado neste caso pola xuíza para a segunda quincena do mes de outubro.








24 setembro 2009

Volta do verán

En setembro o Comité de Empresa de Vigo retomou o ritmo previo ao verán e mantivo unha reunión na que os temas máis importantes que se trataron foron estes:

















Traslado do Departamento Técnico a Bouzas.


Durante uns meses ocuparán a zona ata agora dedicada a Financeiro na primeira planta das oficinas de Bouzas, para posteriormente pasaren á nave de ao lado.








Médico nas oficinas de Bouzas.


RRHH confirma que mentres non rematen as obras para acondicionar as oficinas de ao lado non se habilitará o servizo médico en Bouzas. O prazo previsto é duns catro meses dende que o Concello conceda o permiso para executalas, o que podería tardar un par de meses.