22 novembro 2010

Modificacións comentadas da reforma laboral de 2010

O 17 de setembro deste ano, nun momento no que había máis de 4 millóns de parados/as no Estado (máis de 200.000 deles/as en Galiza), o goberno do Partido Socialista (?) Obreiro (?) Español sacou adiante unha reforma laboral que ten como obxectivo fundamental facilitar e abaratar o despedimento.
Este desatino vén auspiciado polo Fondo Monetario Internacional e a Unión Europea, que, na súa teima por recortar no posible os dereitos da clase traballadora, que tanto custaron conseguir, non perden ocasión para impor as súas receitas económicas neoliberais a calquera país que se vexa especialmente afectado pola crise.

Con todo, mentres a lei siga en vigor, o mellor é coñecela para saber como nos pode afectar. Porque calquera de nós pode sufrir as súas consecuencias.
Á hora de buscar emprego, será máis probable que o contrato a asinar sexa dos que teñen unha indemnización de 33 días por ano traballado en vez dos 45 días doscontratos ordinarios. Ademais, tanto cun contrato como co outro, será máis fácil verse afectado por un despedimento colectivo.
Pola contra, as empresas poden estar ben contentas, xa que o Estado asumirá parte das indemnizacións das persoas que decidan despedir.

Para facilitar o coñecemento da lei en detalle, elaboramos un documento que podes consultar no lateral  deste blog (dentro de "Lexislación"), e que resalta as diferenzas entre o texto do Estatuto do Traballador previo á reforma e o actual. Tamén se inclúen as alteracións sobre outras leis que consideramos de relevancia.  Engadimos algúns comentarios para esclarecer o alcance dalgúns dos cambios máis significativos.

Recomendámosche a súa lectura e pedímosche que, se, coma nós, consideras que esta reforma che prexudica, participes nas accións que se convoquen para defender os teus dereitos.
A CIG non se resigna, ¿e ti?


15 novembro 2010

Lotería de nadal 2010

Este ano tamén temos lotería do nadal para ofrecer. Ata o venres 10 de decembro podes solicitarlla a calquera membro da CIG.
Xógase un euro por cada un dos dous números que hai en cada rifa: 72.039 e 69.076.

06 outubro 2010

Cursos Forga 2010-2011

Xa están convocadas as accións formativas para traballadoras/es en activo correspondentes ao curso 2010-2011. Preme nas seguintes imaxes para coñecer os cursos correspondentes á formación intersectorial, pensados para traballadoras/es de empresas de calquera sector:
Na páxina web da Forga podes consultar outras accións formativas, clasificadas por sectores. Aínda que non aparece explicitamente o sector das telecomunicacións, podemos inscribirnos nos cursos que constan dentro de Administración e Novas Tecnoloxías. Para ver cales son, sigue estes pasos:
Vai a Oferta Formativa Xenérica > Sectores de actividade.
Selecciona o sector (Administración e Novas Tecnoloxías).
Aparecerán os cursos dispoñibles. Ten en conta que poderían non impartirse en Vigo, así que o mellor é que o consultes antes de anotáreste.
Aínda que se pode facer a preinscrición na mesma web da Forga, as persoas da Sección Sindical dispomos dun formulario que podes cubrir e entregárnolo cuberto. Nós encargarémonos de entregalo por ti.
Lembra que podes anotarte a varios cursos; de feito, é o recomendable, porque desa maneira se non hai praza nun curso probablemente a haxa noutro dos solicitados.


21 setembro 2010

Folga xeral 29 de setembro

O mércores 29 de setembro está convocada unha folga xeral, apoiada pola CIG, contra a Reforma Laboral e outras medidas adoptadas nos últimos tempos polo Goberno español que supoñen unha forte ofensiva contra os dereitos dos traballadores.
Algúns dos efectos desta reforma son:

Facilita o despedimento por causas obxectivas.
Flexibiliza as anteriores esixencias, de modo que será
suficiente con xustificar minimamente a racionalidade dos despedimentos, incorporando ademais novas causas técnicas, organizativas,
e produtivas.
Tamén basta que a empresa argumente que os despedimentos son para mellorar a situación
da empresa ou prever unha evolución negativa da mesma para que os despedimentos sexan considerados
obxectivos.

O prazo de preaviso pasa de 30 a 15 días.
A consecuencia é que se flexibilizan os requisitos para o despedimento procedente e déixase a porta aberta aos despedimentos preventivos.



O despedimento obxectivo procedente ten unha indemnización de 20 días, cun tope de 12 mensualidades.






Abarata de novo o despedimento.
Xeneraliza aínda máis o contrato de fomento da contratación indefinida, que establece unha indemnización de 33 días de salario por ano traballado (cun tope de 24 mensualidades), fronte aos 45 días por ano do contrato indefinido non precario (cun tope de 42 mensualidades).
O contrato indefinido precario de 33 de indemnización non era aplicable a homes maiores de 30 anos e menores de 45, salvo que presentasen algunha minusvalía ou fosen desempregados de longa duración.


Ataca a negociación colectiva.
Facilita ás empresas a adopción de medidas de descolgue salarial* e a non aplicación de compromisos adquiridos previamente nos convenios colectivos.
(*) Posibilidade recollida no art. 82.3 do Estatuto dos Traballadores, polo cal unha empresa non estaría obrigada a aplicar os incrementos salariais pactados nun convenio de ámbito superior se se atopa en grave situación económica:
"Os convenios colectivos de ámbito superior á empresa estabelecerán as condicións e procedementos polos que podería non aplicarse o réxime salarial deste ás empresas das que a súa estabilidade económica puidese verse danada como consecuencia de tal aplicación."


















Aumenta a subvención do Estado ao despedimento.
FOGASA (Fondo de Garantía Salarial) pasa a pagar 8 días por ano traballado das indemnizacións por despedimento de todos os contratos indefinidos, tanto os procedentes como os improcedentes.
FOGASA é un organismo adscrito ao Ministerio de Traballo e está financiado pola cotización de empresas públicas e privadas.
Antes da reforma viña pagando o 40% das indemnizacións por despedimento das empresas con menos de 25 traballadoras/es.




Favorece a xestión privada dos servizos de colocación.
Pasa a considerar ás axencias privadas de colocación con ánimo de lucro como entidades colaboradoras dos servizos públicos de emprego, de maneira que o desemprego convértese nun negocio para estas empresas.
As persoas desempregadas estarán obrigadas a aceptar as ofertas de emprego que lles poidan ofrecer estas entidades con ánimo de lucro.
Pola súa banda, as ETTs ven ampliadas as actividades nas que poden actuar, incluídas as de maior risco para a saúde.

Aumenta a precariedade para a mocidade.
Nos contratos formativos, durante o primeiro ano, o salario será menor que o mínimo interprofesional. Estes contratos poden aplicarse ata cumprir 25 anos.
Os contratos en prácticas pódense alongar ata 5 anos despois de obter o título.



Esta reforma laboral supón un ataque aos dereitos dos traballadores/as e non vai servir para crear emprego nin para rematar coa precariedade.
Aparece, ademais, despois doutras medidas como o recorte de salarios para os traballadores/as da Función Pública, a conxelación das pensións, e o recorte do investimento público.
Para o futuro, están preparando a ampliación da idade de xubilación, a reforma da negociación colectiva e mesmo o copago na sanidade pública.

A CIG leva dous anos mobilizándose para reclamar medidas efectivas contra a crise, e hai meses que chamou ao resto de sindicatos maioritarios a convocar unha folga xeral.

Non estamos dispostos/as a que a crise a pague a clase traballadora.
Únete á folga do 29 de setembro
e acude á manifestación da CIG en Vigo que sairá ás 12:00 hs da Doblada.

+info

06 maio 2010

Programa da CIG para as eleccións sindicais do 2010 en Vigo

¿Que se elixe nesas eleccións?
Estas eleccións convócanse para renovar o Comité de Empresa de Vigo/Pontevedra, porque xa transcorreron catro anos dende as eleccións anteriores.

No mandato que agora remata, tres deses membros eran da CIG, tres de CCOO, e tres de UGT. Nesta ocasión escolleremos de novo nove representantes en total, pero esta vez o proceso afecta a todas as oficinas e tendas da provincia de Pontevedra (Bouzas I, Bouzas II, Datacenter, e tenda da Gran Vía de Vigo).

A situación actual é diferente á das eleccións anteriores, porque dende que Tele2 se integrou en Vodafone conviven dous modelos de representación:
  • Modelo de representación do Comité de Empresa, implantado só nas oficinas da antiga Tele2 en Vigo, no que o persoal elixe a súa representación, e que é o modelo regulado polo Estatuto do Traballador.

  • Modelo plasmado no Protocolo Sindical que afecta a toda a empresa, no que CCOO e UGT deciden que persoas ocuparán as 30 prazas que lles corresponden a cada sindicato para actuaren como representación dos traballadores e traballadoras. De entre eses 60 representantes en total saen tamén as persoas que formarán parte das distintas comisións de traballo que se constitúen para tratar temas concretos. Este protocolo ten validez unicamente dentro de Vodafone.

Cando a empresa consultou ao Comité acerca de constituír un Protocolo Sindical para Vigo que substituíse ao Comité de Empresa, a CIG posicionouse claramente a favor de manter o Comité, que é o único modelo que permite ao persoal premiar ou castigar a xestión feita polos distintos membros do Comité durante o mandato.


¿Que marxe de manobra ten o Comité que se vai elixir?

A día de hoxe, os temas que afectan á totalidade da empresa (negociación do convenio colectivo, Wellflex, contía dos cheques de comida, compensación por gardas, por exemplo) negócianse en Madrid entre a empresa e os sindicatos adscritos ao Protocolo Sindical. Lamentablemente, a representación social que negocia estas cuestións non é elixida polo persoal.

Non obstante o anterior, o Comité de Vigo/Pontevedra, pode e debe asegurarse de que os acordos se cumpran e acomoden para a totalidade do persoal da provincia, ademais de defender a calquera das persoas ou grupos destas oficinas sempre que o necesiten. Todos os temas específicos de Vigo son asumidos dende o Comité de Empresa.

Tampouco debemos esquecer a inquietude que xurdiu máis dunha vez acerca da continuidade das oficinas de Vigo dentro da empresa, como cando Comunitel foi absorvida por Tele2, ou esta en Vodafone.

Aínda que a empresa afirmou que enfocará calquera hipotética redución de persoal en función da necesidade ou non de determinados postos de traballo, e que non contempla o peche de oficinas completas, no caso de que en Vigo cheguen a verse en perigo moitos postos de traballo será necesario contar cun Comité forte que os defenda.


Promesas para o futuro

Tendo en conta o exposto anteriormente, as persoas que saian elixidas este martes asumirán as cuestións que son competencia do Comité de Empresa, polo que non ten sentido facer promesas respecto a melloras nas condicións do conxunto da empresa, que se tratan noutro ámbito. Mesturar os ámbitos do Comité e do Protocolo Sindical soamente crea confusión.

Ademais de tratar os temas que están a día de hoxe pendentes en Vigo, como poden ser o acondicionamento das oficinas, a dotación de servizo médico, ou a acomodación ao sistema de gardas de Vodafone, o que si promete a CIG é manter os nosos valores, que son:

  • Rotundo posicionamento da parte dos traballadores e traballadoras.

  • Defensa coherente e persistente dos seus dereitos e aspiracións.

  • Traballo constante de asesoramento e apoio.

  • Honestidade e transparencia.

Se te identificas con esta actitude, a CIG é a túa lista.
A ti só che pedimos que colabores manténdonos informados de calquera cuestión que poida afectar ás túas condicións laborais, para que o Comité o poida analizar e resolver se é preciso.

Resumo do mandato anterior

Nos catro últimos anos, a CIG participou de maneira activa nas seguintes accións sindicais emprendidas dende o Comité de Empresa:
  • Reclamación por parte de todos os comités de Tele2 de xornada continua no verán, rexeitadas pola empresa para 2007 e de novo para o 2008. Conséguense as tardes dos venres libres dende abril de 2007.

  • Suba das compensacións por gardas e traballos programados, tamén reclamadas por todos os comités de Tele2, e asumidas pola empresa en setembro de 2007.

  • Solicitude de aclaracións a RRHH sobre vacacións, nóminas, seguro médico, flexibilización de reducións de xornada e baixas por maternidade.

  • Paso ao cadro de persoal de persoas subcontratadas con moita antigüidade.

  • Solicitude de plans de formación para o persoal.

  • Reiteradas queixas sobre as condicións das oficinas (climatización, etc.).

  • Obtense en 2008 a suba do importe do cheque restaurante e da compensación por quilometraxe. En Vigo, compénsanse con días libres os festivos que caen en fin de semana.

  • Negociación da integración de Tele2 en Vodafone e seguimento da súa aplicación.

A nosa lista

A lista da CIG, ademais de incluír ás tres persoas que formaron parte do Comité nestes últimos catro anos, está formada por traballadores e traballadoras de departamentos distintos. Con todo, aqueles departamentos non incluídos na candidatura non van deixar de estar representados. No mandato que remata, defendéronse por igual as cuestións que lle afectaban a calquera área ou departamento, sen ter en conta a súa localización ou o seu tamaño, e así o seguiremos a facer.

Tanto a nosa candidatura como a campaña foi deseñada intregramente polas persoas de Vodafone que forman parte dela. A intervención da organización sindical da CIG consistiu, coma sempre, en ofrecernos todo o seu respaldo e axuda, pero sen intromisións de ningún tipo.


¿Por que votar á CIG e non a outra candidatura?

Informamos máis e mellor

Moitas persoas quéixanse de que non saben o que fai o Comité nin os temas que trata, ou os resultados que consegue. Dende a CIG fixemos o posible para corrixir esta situación. Fumos o único sindicato que puntualmente foi informando da actualidade da actividade sindical, a través do noso blog, creado precisamente para paliar a falla de información.


Pedimos o xusto e non menos

Todas as cuestións presentadas á empresa, xa fosen como reclamacións ou como aclaracións, foron acordadas por maioría no Comité de Empresa e en ocasións, nos tempos de Tele2, entre os distintos comités que existían daquela.

Dito o anterior, dende o noso punto de vista, a postura da CIG sempre foi ambiciosa, dentro do razonable, atopándonos moitas veces cunha falta de apoio por parte do resto do Comité para presentar diante da empresa peticións máis beneficiosas para o cadro de persoal que as finalmente presentadas.

Estes catro anos serviron para derrubar o mito da radicalización da CIG, pois a actuación deste sindicato en Vodafone foi en todo momento seria e responsable. Se algún mito se mantén, é que a CIG defende sen medo o que considera xusto para a xente á que representa. Actitude que marca a diferenza.


Tomamos a iniciativa

Hai catro anos, cun clima laboral desfavorable, a CIG foi o sindicato que se atreveu a convocar as primeiras eleccións sindicais en Vigo, posibilitando que hoxe sexamos a única sede de Vodafone con Comité de Empresa.
Daquela fumos a lista máis votada e dende entón mantivemos esa mentalidade de afrontar con decisión calquera situación complicada para os traballadores e traballadoras.


Non estar no Protocolo Sindical non nos resta relevancia

Como se expuxo anteriormente, o que eliximos o martes son os membros do Comité de Empresa, non os do Protocolo Sindical, de maneira que as persoas elixidas, do sindicato que sexan, terán, como membros do Comité, todo o respaldo que a lei lles dá a estes órganos para defender os dereitos dos traballadores e traballadoras.

No mandato que remata, o feito de que no Comité de Empresa estivesen os sindicatos suscritos ao Protocolo non se plasmou en ningunha mellora específica para Vigo.


Non temos ataduras

A CIG ten ámbito galego e por iso ten claro que a súa prioridade son os empregados e empregadas de Vigo. Ademais, ningún pacto ou directriz de Madrid nos coarta para defender a estas persoas.


Como conclusión, pedimos o teu voto para a CIG, porque canta máis representación obteñamos no Comité de Empresa, mellor se te defenderá.



19 xaneiro 2010

Situación do Data Center e temas de seguridade















Situación do Data Center.



Na reunión ordinaria de xaneiro do Comité de Empresa de Vigo, preguntóuselle a RRHH acerca da posible venda do Data Center. Dado que o que era un proxecto confidencial pasou a ser de dominio público, pedíuselle á empresa información sobre o mesmo, e a resposta foi que se trata dun proxecto para estudar a posibilidade de vender o Data Center, pero non está confirmado nin descartado que a venda se vaia producir. A empresa non manexa ningún prazo para pechar o proxecto.














Temas de seguridade e obras.


Nesa mesma reunión do Comité, envióuselle a RRHH un correo solicitando a formación de reciclaxe prometida para os equipos de emerxencia. Tamén se lle recorda que no Data Center está pendente de execución o simulacro de evacuación, ademais de preguntar polo inicio das obras nas oficinas de Bouzas I. Quedamos á espera da súa resposta.