06 maio 2010

Programa da CIG para as eleccións sindicais do 2010 en Vigo

¿Que se elixe nesas eleccións?
Estas eleccións convócanse para renovar o Comité de Empresa de Vigo/Pontevedra, porque xa transcorreron catro anos dende as eleccións anteriores.

No mandato que agora remata, tres deses membros eran da CIG, tres de CCOO, e tres de UGT. Nesta ocasión escolleremos de novo nove representantes en total, pero esta vez o proceso afecta a todas as oficinas e tendas da provincia de Pontevedra (Bouzas I, Bouzas II, Datacenter, e tenda da Gran Vía de Vigo).

A situación actual é diferente á das eleccións anteriores, porque dende que Tele2 se integrou en Vodafone conviven dous modelos de representación:
  • Modelo de representación do Comité de Empresa, implantado só nas oficinas da antiga Tele2 en Vigo, no que o persoal elixe a súa representación, e que é o modelo regulado polo Estatuto do Traballador.

  • Modelo plasmado no Protocolo Sindical que afecta a toda a empresa, no que CCOO e UGT deciden que persoas ocuparán as 30 prazas que lles corresponden a cada sindicato para actuaren como representación dos traballadores e traballadoras. De entre eses 60 representantes en total saen tamén as persoas que formarán parte das distintas comisións de traballo que se constitúen para tratar temas concretos. Este protocolo ten validez unicamente dentro de Vodafone.

Cando a empresa consultou ao Comité acerca de constituír un Protocolo Sindical para Vigo que substituíse ao Comité de Empresa, a CIG posicionouse claramente a favor de manter o Comité, que é o único modelo que permite ao persoal premiar ou castigar a xestión feita polos distintos membros do Comité durante o mandato.


¿Que marxe de manobra ten o Comité que se vai elixir?

A día de hoxe, os temas que afectan á totalidade da empresa (negociación do convenio colectivo, Wellflex, contía dos cheques de comida, compensación por gardas, por exemplo) negócianse en Madrid entre a empresa e os sindicatos adscritos ao Protocolo Sindical. Lamentablemente, a representación social que negocia estas cuestións non é elixida polo persoal.

Non obstante o anterior, o Comité de Vigo/Pontevedra, pode e debe asegurarse de que os acordos se cumpran e acomoden para a totalidade do persoal da provincia, ademais de defender a calquera das persoas ou grupos destas oficinas sempre que o necesiten. Todos os temas específicos de Vigo son asumidos dende o Comité de Empresa.

Tampouco debemos esquecer a inquietude que xurdiu máis dunha vez acerca da continuidade das oficinas de Vigo dentro da empresa, como cando Comunitel foi absorvida por Tele2, ou esta en Vodafone.

Aínda que a empresa afirmou que enfocará calquera hipotética redución de persoal en función da necesidade ou non de determinados postos de traballo, e que non contempla o peche de oficinas completas, no caso de que en Vigo cheguen a verse en perigo moitos postos de traballo será necesario contar cun Comité forte que os defenda.


Promesas para o futuro

Tendo en conta o exposto anteriormente, as persoas que saian elixidas este martes asumirán as cuestións que son competencia do Comité de Empresa, polo que non ten sentido facer promesas respecto a melloras nas condicións do conxunto da empresa, que se tratan noutro ámbito. Mesturar os ámbitos do Comité e do Protocolo Sindical soamente crea confusión.

Ademais de tratar os temas que están a día de hoxe pendentes en Vigo, como poden ser o acondicionamento das oficinas, a dotación de servizo médico, ou a acomodación ao sistema de gardas de Vodafone, o que si promete a CIG é manter os nosos valores, que son:

  • Rotundo posicionamento da parte dos traballadores e traballadoras.

  • Defensa coherente e persistente dos seus dereitos e aspiracións.

  • Traballo constante de asesoramento e apoio.

  • Honestidade e transparencia.

Se te identificas con esta actitude, a CIG é a túa lista.
A ti só che pedimos que colabores manténdonos informados de calquera cuestión que poida afectar ás túas condicións laborais, para que o Comité o poida analizar e resolver se é preciso.

Resumo do mandato anterior

Nos catro últimos anos, a CIG participou de maneira activa nas seguintes accións sindicais emprendidas dende o Comité de Empresa:
  • Reclamación por parte de todos os comités de Tele2 de xornada continua no verán, rexeitadas pola empresa para 2007 e de novo para o 2008. Conséguense as tardes dos venres libres dende abril de 2007.

  • Suba das compensacións por gardas e traballos programados, tamén reclamadas por todos os comités de Tele2, e asumidas pola empresa en setembro de 2007.

  • Solicitude de aclaracións a RRHH sobre vacacións, nóminas, seguro médico, flexibilización de reducións de xornada e baixas por maternidade.

  • Paso ao cadro de persoal de persoas subcontratadas con moita antigüidade.

  • Solicitude de plans de formación para o persoal.

  • Reiteradas queixas sobre as condicións das oficinas (climatización, etc.).

  • Obtense en 2008 a suba do importe do cheque restaurante e da compensación por quilometraxe. En Vigo, compénsanse con días libres os festivos que caen en fin de semana.

  • Negociación da integración de Tele2 en Vodafone e seguimento da súa aplicación.

A nosa lista

A lista da CIG, ademais de incluír ás tres persoas que formaron parte do Comité nestes últimos catro anos, está formada por traballadores e traballadoras de departamentos distintos. Con todo, aqueles departamentos non incluídos na candidatura non van deixar de estar representados. No mandato que remata, defendéronse por igual as cuestións que lle afectaban a calquera área ou departamento, sen ter en conta a súa localización ou o seu tamaño, e así o seguiremos a facer.

Tanto a nosa candidatura como a campaña foi deseñada intregramente polas persoas de Vodafone que forman parte dela. A intervención da organización sindical da CIG consistiu, coma sempre, en ofrecernos todo o seu respaldo e axuda, pero sen intromisións de ningún tipo.


¿Por que votar á CIG e non a outra candidatura?

Informamos máis e mellor

Moitas persoas quéixanse de que non saben o que fai o Comité nin os temas que trata, ou os resultados que consegue. Dende a CIG fixemos o posible para corrixir esta situación. Fumos o único sindicato que puntualmente foi informando da actualidade da actividade sindical, a través do noso blog, creado precisamente para paliar a falla de información.


Pedimos o xusto e non menos

Todas as cuestións presentadas á empresa, xa fosen como reclamacións ou como aclaracións, foron acordadas por maioría no Comité de Empresa e en ocasións, nos tempos de Tele2, entre os distintos comités que existían daquela.

Dito o anterior, dende o noso punto de vista, a postura da CIG sempre foi ambiciosa, dentro do razonable, atopándonos moitas veces cunha falta de apoio por parte do resto do Comité para presentar diante da empresa peticións máis beneficiosas para o cadro de persoal que as finalmente presentadas.

Estes catro anos serviron para derrubar o mito da radicalización da CIG, pois a actuación deste sindicato en Vodafone foi en todo momento seria e responsable. Se algún mito se mantén, é que a CIG defende sen medo o que considera xusto para a xente á que representa. Actitude que marca a diferenza.


Tomamos a iniciativa

Hai catro anos, cun clima laboral desfavorable, a CIG foi o sindicato que se atreveu a convocar as primeiras eleccións sindicais en Vigo, posibilitando que hoxe sexamos a única sede de Vodafone con Comité de Empresa.
Daquela fumos a lista máis votada e dende entón mantivemos esa mentalidade de afrontar con decisión calquera situación complicada para os traballadores e traballadoras.


Non estar no Protocolo Sindical non nos resta relevancia

Como se expuxo anteriormente, o que eliximos o martes son os membros do Comité de Empresa, non os do Protocolo Sindical, de maneira que as persoas elixidas, do sindicato que sexan, terán, como membros do Comité, todo o respaldo que a lei lles dá a estes órganos para defender os dereitos dos traballadores e traballadoras.

No mandato que remata, o feito de que no Comité de Empresa estivesen os sindicatos suscritos ao Protocolo non se plasmou en ningunha mellora específica para Vigo.


Non temos ataduras

A CIG ten ámbito galego e por iso ten claro que a súa prioridade son os empregados e empregadas de Vigo. Ademais, ningún pacto ou directriz de Madrid nos coarta para defender a estas persoas.


Como conclusión, pedimos o teu voto para a CIG, porque canta máis representación obteñamos no Comité de Empresa, mellor se te defenderá.