15 febreiro 2013

Momento de facer contas


O período de consultas para as medidas anunciadas pola empresa rematou e xa hai un acordo asinado. Unha das cousas que máis che pode interesar é como coñecer a indemnización que che correspondería no desafortunado caso de estar entre as persoas despedidas, ou se quixeses valorar a oportunidade de presentarte voluntario/a.

A continuación explicámosche a forma de calcular a indemnización para persoas cunha antigüidade menor de 16 anos no momento da entrada en vigor da reforma laboral (12/02/2012), que é o caso da práctica totalidade do persoal en Vigo.


Paso 1: Calcula o teu salario diario
Suma os conceptos que contan como salario percibidos durante o último ano antes da data de saída da empresa:

  • Salario fixo bruto: como o salario pode sufrir variacións durante o ano, o mellor é multiplicar por doce a cantidade percibida no mes de xaneiro de 2013.
  • Variable: suma o variable dos últimos 12 meses. O normal é que o percibises un único mes.
  • Gardas: suma as gardas dos últimos 12 meses.
  • Retribución en especie A: a única retribución en especie que se considera concepto salarial é a Retribución Especie A, que corresponde ao Plan Relat, así que debes sumar as cantidades correspondentes aos últimos 12 meses, cunha salvedade: en decembro a cantidade é anormalmente alta porque inclúe conceptos que non son salariais. Por ese motivo, en decembro debes utilizar unha cantidade aproximada, calculada como a media dos outros 11 meses.

O resultado de sumar os conceptos anteriores debes dividilo entre 365 para obter o salario diario.

Nota 1: As persoas con redución de xornada por coidado de fillos menores de 8 anos perciben na nómina un salario fixo proporcional ás horas realmente traballadas, pero para a indemnización conta o salario completo. Por iso, para calcularen a súa indemnización teñen que, mediante unha regra de tres, calcular o salario que percibirían por unha xornada completa, que é o que deben usar para calcular a indemnización.

Nota 2: Conceptos non salariais e que non se teñen en conta na indemnización: axudas (axuda familiar, axuda vivenda, etc.), tickets de comida, seguro de vida, plan de pensións,...


Paso 2: Averigua a túa antigüidade

  • Antes da reforma: a antigüidade é a diferenza en anos entre a túa alta na empresa (consúltaa na túa vida laboral) e a entrada en vigor da reforma laboral (12/02/2012).
  • Despois da reforma:  a antigüidade é a diferenza en anos entre o 12/02/2012 e o día que saias da empresa.

¿Como pasar a anos un período determinado?
Dúas cousas a ter en conta: as fraccións de mes contan como un mes enteiro, e os meses divídense entre 12 para pasar a anos.
Exemplo:
3 anos + 4 meses + 1 día 
equivalen a 3 anos + 5 meses (redondeo de meses á alza)
que equivalen a 3 anos + 0,42 anos (5 meses dividido entre 12 dá 0,42 anos)
o que resulta 3,42 anos


Paso 3: Multiplica por 45 e por 33

  • A antigüidade antes da reforma debes multiplicala por 45 días/ano e polo salario diario calculado no paso 1.
  • A antigüidade despois da reforma debes multiplicala por 33 días/ano e polo salario diario calculado no paso 1.

A suma destas dúas cantidades dan o total da túa indemnización.


Paso 4: Tope a aplicar
A indemnización calculada no paso 3 non pode superar as 24 mensualidades. A mensualidade calcúlase multiplicando por 30 o salario diario.


Notas

  • A indemnización resultante está libre de impostos, xa que a lexislación actual así o establece para indemnizacións non superiores ás dun despedimento improcedente.
  • Estes cálculos son orientativos. Non van dar necesariamente a cantidade exacta que che corresponde.



Caso práctico

Datos de partida:
  • Salario fixo bruto: 30.000 €
  • Variable: 2.000 €
  • Gardas: 1.000 €
  • Retribución en especie A: 500 €
  • Alta na empresa: 01/01/2010
  • Baixa na empresa: 01/04/2013

Salario diario:
(30.000 + 2.000 + 1.000 + 500) / 365 = 91,78 €

Antigüidade:
  • Antes da reforma: 2 anos+1 mes+12 días => 2 anos+2 meses => 2,17 anos
  • Despois da reforma: 13 meses+17 días => 14 meses => 1,17 anos

Indemnización:
  • Antes da reforma: 2,17 anos x 45 días/ano x 91,78 €/día = 8.962,32 €
  • Despois da reforma: 1,17 anos x 33 días/ano x 91,78 €/día = 3.543,63 €
  • Indemnización total: 8.962,32 € + 3.543,63 € = 12.505,95 €

Tope de 24 mensualidades:
24 meses x 91,78 €/día x 30 días/mes = 66.081,60 €
Como a indemnización total non supera este tope, non se modifica, así que che corresponderían 12.505,95 €.