31 marzo 2009

Reunión de marzo entre o Comité e a empresa

No mes de marzo o Comité de Empresa decidiu solicitar unha reunión a RRHH para discutir os temas que se expoñen a continuación. A reunión tivo lugar o luns 30-03-2009.













































Traslados a Madrid de persoas non incluídas na lista de afectadas pola integración.


A empresa ofreceulle un traslado a Madrid a tres persoas que non estaban incluídas na lista das afectadas pola integración de Tele2 en Vodafone.


O Comité expuxo que se daba por suposto que non habería máis persoas afectadas que aquelas das que no seu momento se deu conta ao Comité, e que foron informadas da súa situación no momento da integración.


A empresa alega que estas tres persoas afectadas non contempladas no primeiro momento é unha cifra moi baixa e non estaba prevista, igual que non estaba previsto que algúns traslados considerados ao principio finalmente se cancelasen. Afirma, ademais, que se trata de traslados voluntarios.


O Comité explicou que, atendendo á definición que aparece no convenio, estes traslados son forzosos, xa que son propostos pola empresa:


  • FORZOSO.- Entendemos por tal aquel que vén imposto pola Dirección da Compañía, por razóns económicas, técnicas, organizativas ou de produción, e supón, con carácter xeral, a amortización do posto de traballo de orixe.
  • VOLUNTARIO.- É aquel solicitado directamente polo empregado, xa sexa de forma directa por interese persoal, xa por concorrer á cobertura dunha vacante cuxo posto supón o traslado.

A empresa replica que se poden considerar voluntarios porque no caso de non seren aceptados non terían consecuencia para a persoa afectada, xa que podería seguir en Vigo nun posto de igual categoría e de características semellantes ao actual.



Á pregunta do Comité sobre posibles novos traslados deste tipo, a empresa responde que non espera que haxa novos casos, pero que a situación económica actual pode requirir cambios organizativos para adaptarse ao mercado. Solicítaselle que se eviten no posible, e que de producírense, se informe ao Comité, algo que non se fixo nesta ocasión.



Respecto ás axudas que a empresa concede aos traslados, o convenio especifica que estas non se aplican cando o traslado implique volver á residencia habitual (aquela na que residía cando asinou o primeiro contrato coa empresa). Nestes casos só se aboaría o custo da mudanza.


Mesmo así, a empresa confirma que as persoas que volven a Madrid nesta ocasión van recibir unha axuda adicional ao custo da mudanza, aínda que nunha contía menor á disposta no convenio.



Tamén queda aclarado que unha persoa que viñese de Madrid a Vigo sen ter percibido axuda vivenda, no caso de ter que trasladarse de novo a Madrid si que recibiría íntegra a axuda establecida no convenio.




















Incremento do IPC na compensación por gardas e traballos programados.


O acordo sobre gardas e traballos programados en vigor dende setembro de 2007 especifica no seu último punto:



"As compensacións actualizaríanse anualmente conforme ao IPC con efectos do 1º de xaneiro de cada ano."



O Comité expúxolle isto á empresa, mostrando a súa queixa porque as compensacións continúan cos valores do ano pasado. No acordo de integración establécese que mentres os sistemas de gardas de Tele2 e de Vodafone se manteñan independentes as súas retribucións seguirán o establecido en cada caso, é dicir, que as de Tele2 seguirán o acordo mencionado ao inicio.



A empresa entende que a actualización destas compensacións debe tratarse como os salarios, revisándose no mes de xullo conforme ao artigo 11 do convenio, que di:



"COMPLEMENTOS POR POSTO DE TRABALLO PARA O EXERCICIO XULLO 2008 A XUÑO 2009.


Establécese unha revisión dos pluses para este ano dun 2,5% sobre as cantidades que se aplican no momento da sinatura. Para os anos sucesivos, as partes negociarán no seu caso a actualización e revisión destes pluses, garantíndose como mínimo un incremento dun 2,5% sobre os valores do ano anterior."



A CIG segue mantendo que o recollido no acordo de integración é que as actualizacións dos pluses seguirán o acordo de Tele2, non o convenio de Vodafone, pero considera que o incremento do 2,5% en xullo equivale na práctica á suba do IPC (o 1,4%) dende xaneiro. Se no próximo ano se mantivesen sistemas de gardas independentes, a aplicación do convenio podería ser máis beneficiosa cá do IPC.



Vén de Reunión de febreiro do Comité de Empresa.


















Pagamento compartido nas consultas médicas en Adeslas.


Adeslas está cobrando unha cantidade simbólica por cada consulta a familiares de empregados/as adscritos ao seguro médico, un sistema denominado de copago. Para empregados/as as consultas son gratis.



As dúbidas que se nos trasladaron respecto a se o copago se empezaría a aplicar tamén a empregados/as quedou resolta por RRHH nesta reunión, pois confirmaron que o copago seguirá aplicándose só a familiares.



















Departamentos con xornada de verán.


O Comité consultoulle á empresa se hai algún departamento en Vigo que non vaia seguir o horario de xornada continua no verán.


A falta de confirmación, RRHH adianta que a xornada continua debería ser de aplicación para todo o centro de Vigo agás para aquelas persoas que traballen en postos relacionados con Vendas (Prevenda, Venda Directa, Soporte a Vendas, ...). A decisión final debería de coñecerse a finais de maio.



Aclaracións sobre a xornada continua:



  • As persoas que non poidan gozalas, terán 4 días libres como compensación, que se solicitarán como "permiso compensatorio" na intranet, en días posteriores ao 1 de outubro e unha vez consumidos todos os días de vacacións. O horario destas persoas será o estándar durante todo o ano.
  • A axuda de cheques de comida non se recibe nos 3 meses de verán aínda que non se faga xornada continua.
  • As persoas con redución de xornada por maternidade que fagan xornada continua teñen dereito a días compensatorios en proporción á duración efectiva da súa xornada laboral. Para coñecer os días que lle corresponden, deben pórse en contacto co 485.