13 decembro 2013

Calendario laboral 2014

Podes consultar o calendario laboral para o 2014 cos festivos de Vigo neste documento que está incluído dentro dos Documentos de interese do blog.

Cursos Forga 2013-14


Xa podes consultar os cursos da formación intersectorial dirixida a traballadoras/es de empresas de calquera sector, correspondentes ao periodo 2013-14 na comarca de Vigo.

Solicita a ficha de solicitude a calquera membro da CIG.


11 novembro 2013

Lotería do nadal 2013

Xa está á venda a lotería do nadal da CIG deste ano.


Coma sempre, cada rifa custa dous euros (un polo número 99.256 e outro polo número 63.749) e podes pedirlla a calquera membro da CIG ata o venres 6 de decembro.

24 setembro 2013

Modificación dos incentivos comerciais

O 18/09/2013 a empresa aprobou, co rechazo da CIG e o apoio dos restantes sindicatos representados na empresa, un cambio no sistema de pagamento dos incentivos do departamento comercial (UNE e UNPAR).
A modificación supón que o salario variable por incentivos deixa de ser unha cantidade fixa igual para todos e pasa a ser unha porcentaxe do salario fixo, pero, para que o cambio de modelo non supuxese moito gasto para empresa, unha das condicións era que algunhas persoas dese departamento visen reducido o seu salario fixo.

Os comerciais teñen que cumprir unha porcentaxe mínima de obxectivos (85% na UNE e 80% na UNPAR) para poderen cobrar algo de incentivos, e a partir desa porcentaxe, canto maior sexa o cumprimento, máis cobran de incentivos.

Nos últimos tempos resulta extremadamente difícil alcanzar os obxectivos, que son fixados a criterio da empresa e que mesmo sofren alteracións durante un mesmo ano fiscal, o que provoca que para as persoas afectadas por este sistema o salario fixo sexa, máis que nunca, a única parte da súa retribución coa que poden contar para organizaren a súa vida.

Non esquezamos que o conxunto do persoal vén de sufrir unha conxelación salarial, redución de variable, un ERTE, e un ERE, así que unha rebaixa do fixo é o que faltaba para prexudicar a un colectivo ao que, curiosamente, se pretende motivar con incentivos. Por non falar do grave precedente que isto supón para esta área e para o resto da compañía, sobre todo tendo en conta a tendencia por parte da representación social a aceptar calquera medida que presente a empresa, mesmo se non está claramente xustificada, como neste caso.

Postos a modificar o sistema de incentivos, poderíanse ter acordado medidas para facilitar o seu cobro, como rebaixar o cumprimento mínimo para poder cobralos, ou garantir que os obxectivos sexan alcanzables e fáciles de medir e que non varíen ao longo do ano, por exemplo. Pero non, iso quedou fóra do acordo.

Estes motivos son os que levaron á CIG a rechazar o acordo, pero ao contarmos cun 2,86% sobre o total dos votos das seccións sindicais na mesa negociadora e sendo o único sindicato oposto ás medidas propostas, estas foron aprobadas. Aquí é onde se ve que non é o mesmo apoiar a uns sindicatos que a outros cando se vota nunhas eleccións sindicais.

O dano xa está feito. O que nos queda é sacar conclusións e aprender.


15 febreiro 2013

Momento de facer contas


O período de consultas para as medidas anunciadas pola empresa rematou e xa hai un acordo asinado. Unha das cousas que máis che pode interesar é como coñecer a indemnización que che correspondería no desafortunado caso de estar entre as persoas despedidas, ou se quixeses valorar a oportunidade de presentarte voluntario/a.

A continuación explicámosche a forma de calcular a indemnización para persoas cunha antigüidade menor de 16 anos no momento da entrada en vigor da reforma laboral (12/02/2012), que é o caso da práctica totalidade do persoal en Vigo.


Paso 1: Calcula o teu salario diario
Suma os conceptos que contan como salario percibidos durante o último ano antes da data de saída da empresa:

  • Salario fixo bruto: como o salario pode sufrir variacións durante o ano, o mellor é multiplicar por doce a cantidade percibida no mes de xaneiro de 2013.
  • Variable: suma o variable dos últimos 12 meses. O normal é que o percibises un único mes.
  • Gardas: suma as gardas dos últimos 12 meses.
  • Retribución en especie A: a única retribución en especie que se considera concepto salarial é a Retribución Especie A, que corresponde ao Plan Relat, así que debes sumar as cantidades correspondentes aos últimos 12 meses, cunha salvedade: en decembro a cantidade é anormalmente alta porque inclúe conceptos que non son salariais. Por ese motivo, en decembro debes utilizar unha cantidade aproximada, calculada como a media dos outros 11 meses.

O resultado de sumar os conceptos anteriores debes dividilo entre 365 para obter o salario diario.

Nota 1: As persoas con redución de xornada por coidado de fillos menores de 8 anos perciben na nómina un salario fixo proporcional ás horas realmente traballadas, pero para a indemnización conta o salario completo. Por iso, para calcularen a súa indemnización teñen que, mediante unha regra de tres, calcular o salario que percibirían por unha xornada completa, que é o que deben usar para calcular a indemnización.

Nota 2: Conceptos non salariais e que non se teñen en conta na indemnización: axudas (axuda familiar, axuda vivenda, etc.), tickets de comida, seguro de vida, plan de pensións,...


Paso 2: Averigua a túa antigüidade

  • Antes da reforma: a antigüidade é a diferenza en anos entre a túa alta na empresa (consúltaa na túa vida laboral) e a entrada en vigor da reforma laboral (12/02/2012).
  • Despois da reforma:  a antigüidade é a diferenza en anos entre o 12/02/2012 e o día que saias da empresa.

¿Como pasar a anos un período determinado?
Dúas cousas a ter en conta: as fraccións de mes contan como un mes enteiro, e os meses divídense entre 12 para pasar a anos.
Exemplo:
3 anos + 4 meses + 1 día 
equivalen a 3 anos + 5 meses (redondeo de meses á alza)
que equivalen a 3 anos + 0,42 anos (5 meses dividido entre 12 dá 0,42 anos)
o que resulta 3,42 anos


Paso 3: Multiplica por 45 e por 33

  • A antigüidade antes da reforma debes multiplicala por 45 días/ano e polo salario diario calculado no paso 1.
  • A antigüidade despois da reforma debes multiplicala por 33 días/ano e polo salario diario calculado no paso 1.

A suma destas dúas cantidades dan o total da túa indemnización.


Paso 4: Tope a aplicar
A indemnización calculada no paso 3 non pode superar as 24 mensualidades. A mensualidade calcúlase multiplicando por 30 o salario diario.


Notas

  • A indemnización resultante está libre de impostos, xa que a lexislación actual así o establece para indemnizacións non superiores ás dun despedimento improcedente.
  • Estes cálculos son orientativos. Non van dar necesariamente a cantidade exacta que che corresponde.



Caso práctico

Datos de partida:
  • Salario fixo bruto: 30.000 €
  • Variable: 2.000 €
  • Gardas: 1.000 €
  • Retribución en especie A: 500 €
  • Alta na empresa: 01/01/2010
  • Baixa na empresa: 01/04/2013

Salario diario:
(30.000 + 2.000 + 1.000 + 500) / 365 = 91,78 €

Antigüidade:
  • Antes da reforma: 2 anos+1 mes+12 días => 2 anos+2 meses => 2,17 anos
  • Despois da reforma: 13 meses+17 días => 14 meses => 1,17 anos

Indemnización:
  • Antes da reforma: 2,17 anos x 45 días/ano x 91,78 €/día = 8.962,32 €
  • Despois da reforma: 1,17 anos x 33 días/ano x 91,78 €/día = 3.543,63 €
  • Indemnización total: 8.962,32 € + 3.543,63 € = 12.505,95 €

Tope de 24 mensualidades:
24 meses x 91,78 €/día x 30 días/mes = 66.081,60 €
Como a indemnización total non supera este tope, non se modifica, así que che corresponderían 12.505,95 €.


29 xaneiro 2013

A empresa móbil mobilízase

O luns 28 de xaneiro comezou a resposta na rúa á pretensión de Vodafone de despedir ata a 900 traballadores e traballadoras en todo o Estado, máis dun 20% do cadro de persoal.

En Vigo, celebráronse dúas concentracións: unha ao mediodía en Bouzas e outra á tardiña diante da tenda da Gran Vía. As dúas contaron con numerosa asistencia, o que indica unha vontade clara de defender o emprego por parte dunhas persoas cansas de asumir sacrificios cada vez maiores.

Isto está en marcha, e non podemos parar ata conseguir que a empresa rectifique e aposte por manter os postos e condicións de traballo.

O xoves 31 de xaneiro ás 19:00 horas volvemos a concentrarnos diante da tenda da Gran Vía.
Asiste e defende o teu emprego!













Foto: concentración diante da tenda da Gran Vía o 28/01/2013