22 novembro 2008

Complemento persoal na nómina de Vodafone


Na primeira nómina como empregados/as de Vodafone puidemos comprobar que o salario base ven repartido en dous conceptos: o “Salario base” propiamente dito e un “Complemento persoal” que representa un 40% do que en nóminas anteriores aparecía como salario base unificado.
Na situación actual é indiferente recibir o salario nun único concepto ou separado en dous, e o Convenio actual de Vodafone non liga ningunha suba salarial a un concepto concreto dos que aparecen na nómina, senón ao total do salario fixo.

O risco está en que futuras subas salariais acordadas se liguen unicamente ao actual salario base e non ao total do salario fixo. É por iso que a CIG solicitou o 19 de novembro ao Comité de Empresa que fixese unha petición á Empresa para que a nómina se manteña co salario fixo recollido nun único concepto na nómina.
Nesa reunión explicóusenos que a recén constituída Comisión de Seguimento do acordo de integración xa tratou ese tema, limitándose a transmitirlle á Empresa a conveniencia de facer un comunicado ao cadro de persoal explicando o por que do complemento persoal na nómica, que ao parecer leva tempo implantado en Vodafone e aportálle beneficios fiscais á Empresa.

Constitución da Comisión de Seguimento do acordo de integración





O 13 de novembro celebrouse a primeira reunión da Comisión de Seguimento do acordo de integración de Tele2 en Vodafone. A primeira sorpresa é que a CIG, presente nas negociacións do acordo e asinante do mesmo, quedou excluída por UGT e CCOO da dita comisión como parte da representación social.
O acordo establecía o seguinte:
"As dúas partes acordan constituír unha Comisión de Seguimento, de natureza paritaria, composta por 8 membros, 4 designados pola representación social dos traballadores e os outros 4 designados pola Dirección da Empresa, que se integrará dentro do Marco de Relacións Laborais de Vodafone establecido no Cap. IX do vixente Convenio. A Comisión dotarase dos asesores necesarios para o seu correcto funcionamento onde se garantirá que polo menos 4 integrantes da parte social, entre delegados e asesores, sexan membros da actual mesa negociadora asinante deste acordo. As funcións da Comisión serán as de interpretación, seguimento e control da aplicación do presente acordo."

Con isto pretendíase que os 8 integrantes da representación social na mesa negociadora (un deles, da CIG) puidesen formar parte da Comisión de Seguimento. O parágrafo anterior esixe na Comisión un mínimo de 4 deses integrantes, ben como delegados ben como asesores, sen fixar un número máximo.
Por delegado enténdese un representante sindical de UGT ou CCOO adscrito ao Protocolo de Vodafone, non un representante electo de calquera dos Comités de Empresa de Tele2 (actualmente só permanece en vigor o de Vigo).
O representante da CIG na mesa negociadora, ao ser un delegado electo e non dos adscritos ao Protocolo de Vodafone, só podería formar parte da Comisión de Seguimento como asesor. Pero nin iso, dado que UGT e CCOO decidiron que a CIG debe quedar fóra do seguimento dun acordo do que formou parte.
Mala maneira de comezar...

Lotería de nadal da CIG




Ata o luns 15 de decembro podes comprar lotería de nadal da CIG pedíndolla a Paula López. Xógase un euro por cada un dos dous números que hai en cada rifa: 77025 e 83168.

16 novembro 2008

Situación do Comité de Vigo




Como primeiro tema do que falar, unha cuestión que xa nos chegou en máis dunha ocasión: ¿o Comité de Empresa de Vigo mantense tras a integración en Vodafone? A resposta é SI.
A Lei establece que

"a duración do mandato dos delegados de persoal e dos membros do Comité de Empresa será de catro anos, entendéndose que se manterán en funcións no exercicio das súas competencias e das súas garantías ata que non se promovesen e celebrasen novas eleccións."
(Estatuto do Traballador. Art. 67- 3).

Isto quere dicir que ata que remate o mandato o 24 de marzo de 2010 e se convoquen novas eleccións, os membros do actual Comité seguen como representantes legais do cadro de persoal.
Distinta é a situación do resto da representación sindical de Tele2 (Comité de Madrid e delegados de Barcelona e Valencia), que desaparece como tal ao desapareceren os centros de traballo respectivos debido ao traslado do persoal aos centros de traballo de Vodafone.

Aproveitamos para lembrarche que actualmente o Comité de Vigo está constituído por 3 representantes da CIG, 3 de CCOO e 3 de UGT.

Presentación


Este blog nace co obxectivo de achegar ás persoas que traballan nas oficinas de Vodafone en Vigo (Bouzas e Datacenter) o labor da Sección Sindical da CIG e aquelas cuestións de temática sindical que nos parezan de relevancia.
Xorde, entre outras cousas, para superar unha etapa na que o traspaso de información ao cadro de persoal ten sido mellorable.