22 novembro 2010

Modificacións comentadas da reforma laboral de 2010

O 17 de setembro deste ano, nun momento no que había máis de 4 millóns de parados/as no Estado (máis de 200.000 deles/as en Galiza), o goberno do Partido Socialista (?) Obreiro (?) Español sacou adiante unha reforma laboral que ten como obxectivo fundamental facilitar e abaratar o despedimento.
Este desatino vén auspiciado polo Fondo Monetario Internacional e a Unión Europea, que, na súa teima por recortar no posible os dereitos da clase traballadora, que tanto custaron conseguir, non perden ocasión para impor as súas receitas económicas neoliberais a calquera país que se vexa especialmente afectado pola crise.

Con todo, mentres a lei siga en vigor, o mellor é coñecela para saber como nos pode afectar. Porque calquera de nós pode sufrir as súas consecuencias.
Á hora de buscar emprego, será máis probable que o contrato a asinar sexa dos que teñen unha indemnización de 33 días por ano traballado en vez dos 45 días doscontratos ordinarios. Ademais, tanto cun contrato como co outro, será máis fácil verse afectado por un despedimento colectivo.
Pola contra, as empresas poden estar ben contentas, xa que o Estado asumirá parte das indemnizacións das persoas que decidan despedir.

Para facilitar o coñecemento da lei en detalle, elaboramos un documento que podes consultar no lateral  deste blog (dentro de "Lexislación"), e que resalta as diferenzas entre o texto do Estatuto do Traballador previo á reforma e o actual. Tamén se inclúen as alteracións sobre outras leis que consideramos de relevancia.  Engadimos algúns comentarios para esclarecer o alcance dalgúns dos cambios máis significativos.

Recomendámosche a súa lectura e pedímosche que, se, coma nós, consideras que esta reforma che prexudica, participes nas accións que se convoquen para defender os teus dereitos.
A CIG non se resigna, ¿e ti?


15 novembro 2010

Lotería de nadal 2010

Este ano tamén temos lotería do nadal para ofrecer. Ata o venres 10 de decembro podes solicitarlla a calquera membro da CIG.
Xógase un euro por cada un dos dous números que hai en cada rifa: 72.039 e 69.076.