04 novembro 2011

En defensa do emprego na comarca de Vigo

CIG, UGT, e CCOO convocan de maneira conxunta unha manifestación para este domingo 6 de novembro baixo o lema "Vigo é traballo. Contra a especulación financeira, en defensa do emprego na comarca".
Ante unha crise que non dá tregua, faise necesario, máis que nunca, reclamar o que é un dereito constitucional: o dereito a un traballo digno. Cómpre esixilo con forza, pois non sempre está entre as prioridades da clase política dirixente.
Este domingo contamos contigo ás 12 do mediodía na Praza de España.
+ info


Lotería do nadal 2011


A lotería do nadal da CIG deste ano vén cos números 85.530 e 74.983.
Cada rifa custa dous euros (xógase un por cada número) e podes pedirlla a calquera membro da CIG ata o venres 9 de decembro.
Que haxa sorte!

26 setembro 2011

Cursos Forga 2011-12

Presentámosche os cursos da formación intersectorial dirixida a traballadoras/es de empresas de calquera sector, correspondentes ao periodo 2011-12 na comarca de Vigo.

Cursos Forga 2011-12

Solicítanos a ficha de solicitude a calquera membro da CIG.


24 xaneiro 2011

27 de xaneiro: Folga Xeral

¿Por que se convoca esta folga?
A folga deste xoves 27 de xaneiro está convocada para defender o emprego e as pensións. A reforma das pensións que o goberno español pretende aprobar o día 28 suporía un ataque gravísimo (un máis) á clase traballadora. Basicamente, o que pretenden é:

  • Aumentar a idade de xubilación, pasándoa de 65 a 67 anos. Para poder xubilarse aos 65, habería que cotizar durante 41 anos. As persoas que comecen a traballar aos 24 anos, por exemplo, non poderían coller baixas ou ir ao paro sen veren retrasada a súa idade de xubilación.
  • Ampliar o período para calcular a pensión. Dos 15 anos actuais pasaría a 20, ou mesmo a 25 anos. Con isto o habitual é que se reduza a base de cálculo, xa que os primeiros anos da vida laboral soen ter salarios, e daquela cotizacións, inferiores. É dicir, a pensión a percibir sería menor.
  • Incrementar o tope das pensións máximas (banqueiros, empresarios, executivos, ...), para que poidan cobrar aínda máis.
  • Limitar as prexubilacións. e as xubilacións parciais.


¿Sabías que...
...o Estado español é o que menos gasta en pensións da Europa dos 15?
...os deputados e senadores teñen asegurado o 80% da pensión máxima (uns 30.000€ ao ano) e poden xubilarse aos 60 anos?
...o que aforrou o Estado conxelando as pensións públicas no 2010 é pouco máis do que perdeu pola desgravación fiscal que lle fai aos ricos pola contratación de pensións privadas en bancos e aseguradoras?
...o que se aforra con estas medidas non compensa o que se perde por reducir as cotizacións das empresas e subvencionar os despedimentos con diñeiro público?


¿Que outras consecuencias terá a reforma das pensións?
Estas medidas empuxan á xente a facer plans de pensións privados, beneficiando á banca. Está claro quen saca tallada deste atropelo.

Co nivel de contratación temporal precaria existente (o do Estado español triplica a media europea), o gran colectivo de traballadores e traballadoras temporais non poderá cotizar o período mínimo para cobrar o 100% da pensión, polo que terán que xubilarse máis tarde e cobrarán menos. Desta maneira, as persoas con peores traballos terán tamén a peor pensión.


Disque a reforma é inevitable...
Iso é o que nos queren facer crer. No entanto, a Seguridade Social ten superávit, que se está diminuíndo é debido aos máis de 4 millóns de parados no Estado español. Pero en vez de esforzarse en reducir esta escandalosa cifra de desemprego, o goberno prefire quitarlle o diñeiro á xente con menos recursos para que lle saian as contas.


¿Por que a folga o día 27?
Preténdese levar a cabo esta medida de presión antes de que a reforma se aprobe, o que teñen previsto para o día 28.


¿Convoca só a CIG?
Si, esta folga está convocada unicamente pola CIG, e soamente para o territorio galego, aínda que en Euskadi, Navarra e Catalunya tamén existen convocatorias por parte doutros sindicatos.
A folga foi presentada na consellería de Traballo e Benestar o 14 deste mes. Consulta aquí as dúbidas que poidas ter para secundala.

Aínda que se lles convidou a que compartisen a convocatoria, UGT e CCOO, igual que no caso da reforma laboral do ano pasado, prefiren deixar que se aproben as medidas para despois escenificar un intento de lavado de cara cando xa o cousa non ten remedio.
Deberían aclarar a quen defenden, se á clase traballadora, ou a un goberno que se botou aos brazos dos mercados e do gran capital.

Mesmo se simpatizas con outro sindicato, ten en conta que esta folga é a última oportunidade de actuar antes de que a reforma se leve ao parlamento.


A CIG ten convocada para ese día unha manifestación que sairá do cruce da Doblada ás 12 da mañá. Agardámoste alí, para mostrarmos coa nosa presenza masiva que estamos fartos de reformas denigrantes para a clase traballadora.

¡Non lamentes, actúa!



+ info na web da CIG.


Adeus ao Data Center

Despois de que Vodafone e Altia chegasen a un principio de acordo sobre a venda do Data Center a esta última empresa, iniciouse un período de consultas entre o Comité de Empresa e Altia para garantir que as persoas afectadas por esta subrogación empresarial mantivesen as súas condicións individuais e colectivas.

O acordo alcanzado foi respaldado pola totalidade do colectivo afectado, e asinouse o xoves 20 de xaneiro, de maneira que en breve debería de facerse efectivo o traspaso a Altia da titularidade do Data Center.

Desexámoslles o mellor ás compañeiras e compañeiros que nos deixan para continuaren a súa carreira profesional, esperamos que exitosa, nesoutra empresa.


03 xaneiro 2011

Calendario laboral 2011

Podes consultar o calendario laboral para o 2011 cos festivos de Vigo neste documento que está incluído dentro dos Documentos de interese do blog.