21 setembro 2010

Folga xeral 29 de setembro

O mércores 29 de setembro está convocada unha folga xeral, apoiada pola CIG, contra a Reforma Laboral e outras medidas adoptadas nos últimos tempos polo Goberno español que supoñen unha forte ofensiva contra os dereitos dos traballadores.
Algúns dos efectos desta reforma son:

Facilita o despedimento por causas obxectivas.
Flexibiliza as anteriores esixencias, de modo que será
suficiente con xustificar minimamente a racionalidade dos despedimentos, incorporando ademais novas causas técnicas, organizativas,
e produtivas.
Tamén basta que a empresa argumente que os despedimentos son para mellorar a situación
da empresa ou prever unha evolución negativa da mesma para que os despedimentos sexan considerados
obxectivos.

O prazo de preaviso pasa de 30 a 15 días.
A consecuencia é que se flexibilizan os requisitos para o despedimento procedente e déixase a porta aberta aos despedimentos preventivos.



O despedimento obxectivo procedente ten unha indemnización de 20 días, cun tope de 12 mensualidades.






Abarata de novo o despedimento.
Xeneraliza aínda máis o contrato de fomento da contratación indefinida, que establece unha indemnización de 33 días de salario por ano traballado (cun tope de 24 mensualidades), fronte aos 45 días por ano do contrato indefinido non precario (cun tope de 42 mensualidades).
O contrato indefinido precario de 33 de indemnización non era aplicable a homes maiores de 30 anos e menores de 45, salvo que presentasen algunha minusvalía ou fosen desempregados de longa duración.


Ataca a negociación colectiva.
Facilita ás empresas a adopción de medidas de descolgue salarial* e a non aplicación de compromisos adquiridos previamente nos convenios colectivos.
(*) Posibilidade recollida no art. 82.3 do Estatuto dos Traballadores, polo cal unha empresa non estaría obrigada a aplicar os incrementos salariais pactados nun convenio de ámbito superior se se atopa en grave situación económica:
"Os convenios colectivos de ámbito superior á empresa estabelecerán as condicións e procedementos polos que podería non aplicarse o réxime salarial deste ás empresas das que a súa estabilidade económica puidese verse danada como consecuencia de tal aplicación."


















Aumenta a subvención do Estado ao despedimento.
FOGASA (Fondo de Garantía Salarial) pasa a pagar 8 días por ano traballado das indemnizacións por despedimento de todos os contratos indefinidos, tanto os procedentes como os improcedentes.
FOGASA é un organismo adscrito ao Ministerio de Traballo e está financiado pola cotización de empresas públicas e privadas.
Antes da reforma viña pagando o 40% das indemnizacións por despedimento das empresas con menos de 25 traballadoras/es.




Favorece a xestión privada dos servizos de colocación.
Pasa a considerar ás axencias privadas de colocación con ánimo de lucro como entidades colaboradoras dos servizos públicos de emprego, de maneira que o desemprego convértese nun negocio para estas empresas.
As persoas desempregadas estarán obrigadas a aceptar as ofertas de emprego que lles poidan ofrecer estas entidades con ánimo de lucro.
Pola súa banda, as ETTs ven ampliadas as actividades nas que poden actuar, incluídas as de maior risco para a saúde.

Aumenta a precariedade para a mocidade.
Nos contratos formativos, durante o primeiro ano, o salario será menor que o mínimo interprofesional. Estes contratos poden aplicarse ata cumprir 25 anos.
Os contratos en prácticas pódense alongar ata 5 anos despois de obter o título.



Esta reforma laboral supón un ataque aos dereitos dos traballadores/as e non vai servir para crear emprego nin para rematar coa precariedade.
Aparece, ademais, despois doutras medidas como o recorte de salarios para os traballadores/as da Función Pública, a conxelación das pensións, e o recorte do investimento público.
Para o futuro, están preparando a ampliación da idade de xubilación, a reforma da negociación colectiva e mesmo o copago na sanidade pública.

A CIG leva dous anos mobilizándose para reclamar medidas efectivas contra a crise, e hai meses que chamou ao resto de sindicatos maioritarios a convocar unha folga xeral.

Non estamos dispostos/as a que a crise a pague a clase traballadora.
Únete á folga do 29 de setembro
e acude á manifestación da CIG en Vigo que sairá ás 12:00 hs da Doblada.

+info