24 setembro 2013

Modificación dos incentivos comerciais

O 18/09/2013 a empresa aprobou, co rechazo da CIG e o apoio dos restantes sindicatos representados na empresa, un cambio no sistema de pagamento dos incentivos do departamento comercial (UNE e UNPAR).
A modificación supón que o salario variable por incentivos deixa de ser unha cantidade fixa igual para todos e pasa a ser unha porcentaxe do salario fixo, pero, para que o cambio de modelo non supuxese moito gasto para empresa, unha das condicións era que algunhas persoas dese departamento visen reducido o seu salario fixo.

Os comerciais teñen que cumprir unha porcentaxe mínima de obxectivos (85% na UNE e 80% na UNPAR) para poderen cobrar algo de incentivos, e a partir desa porcentaxe, canto maior sexa o cumprimento, máis cobran de incentivos.

Nos últimos tempos resulta extremadamente difícil alcanzar os obxectivos, que son fixados a criterio da empresa e que mesmo sofren alteracións durante un mesmo ano fiscal, o que provoca que para as persoas afectadas por este sistema o salario fixo sexa, máis que nunca, a única parte da súa retribución coa que poden contar para organizaren a súa vida.

Non esquezamos que o conxunto do persoal vén de sufrir unha conxelación salarial, redución de variable, un ERTE, e un ERE, así que unha rebaixa do fixo é o que faltaba para prexudicar a un colectivo ao que, curiosamente, se pretende motivar con incentivos. Por non falar do grave precedente que isto supón para esta área e para o resto da compañía, sobre todo tendo en conta a tendencia por parte da representación social a aceptar calquera medida que presente a empresa, mesmo se non está claramente xustificada, como neste caso.

Postos a modificar o sistema de incentivos, poderíanse ter acordado medidas para facilitar o seu cobro, como rebaixar o cumprimento mínimo para poder cobralos, ou garantir que os obxectivos sexan alcanzables e fáciles de medir e que non varíen ao longo do ano, por exemplo. Pero non, iso quedou fóra do acordo.

Estes motivos son os que levaron á CIG a rechazar o acordo, pero ao contarmos cun 2,86% sobre o total dos votos das seccións sindicais na mesa negociadora e sendo o único sindicato oposto ás medidas propostas, estas foron aprobadas. Aquí é onde se ve que non é o mesmo apoiar a uns sindicatos que a outros cando se vota nunhas eleccións sindicais.

O dano xa está feito. O que nos queda é sacar conclusións e aprender.