17 decembro 2008

Rechazo do Parlamento Europeo á xornada de 65 horas

O Parlamento Europeo rexeitou hoxe por maioría absoluta a directiva aprobada o 10 de xuño polos ministros de Traballo da Unión Europea que permitiría elevar a semana laboral dende as 48 horas actuais ata as 60 horas ou mesmo 65 horas para colectivos coma os médicos.
A sensatez que a maioría dos parlamentarios demostraron obriga aos ministros de Traballo a volver a redactar a proposta, abríndose un período de negociación entre o Parlamento e o Consello nos próximos 90 días, que se non acaba en acordo botará abaixo a dita directiva.


Relacionado co tema:

A CIG aposta pola mobilización contra as pretensións da UE de ampliar o tope da xornada semanal até as 65 horas

Delegados e delegadas da CIG mobilízanse, en toda Galiza, contra a xornada de 65 horas

Motivos para afiliarse á CIG

Ademais do asesoramento sobre os teus dereitos laborais, a CIG ofrece:

  • Asesoramento xurídico gratuíto para afiliados a partir dunha antigüidade de 3 meses.

  • Representación legal por parte dun/ha avogado/a, cubrindo o sindicato unha porcentaxe que vai dende o 91% dos gastos no caso dunha antigüidade mínima (3 meses) ata a totalidade dos gastos no caso dunha antigüidade de 5 anos.

  • Caixa de Resistencia, que consiste nun fondo solidario destinado a axudar economicamente ás persoas afiliadas cunha antigüidade igual ou superior a tres meses implicadas nunha folga. Está pensado para evitar que nalgúns conflitos especialmente significativos os/as traballadores/as afectados/as teñan que ceder ante a presión patronal por vérense afogados economicamente.

  • Cursos de formación diversos.

  • Descontos en certos servizos e establecementos comerciais.


Cadro de servizos á afiliación:


Para afiliarse só é necesario cubrir un formulario cos teus datos e número de conta para a domicialización das cotas. Para máis detalles, coma sempre, podes contactar coa Sección Sindical en persoa ou por email.

12 decembro 2008

Actualización dos temas pendentes con RRHH











café



Na entrada do día 1 de decembro falábamos do tema das máquinas de café. Pois ben, o día 10 a empresa fixo un comunicado ao persoal confirmando que a partir do día 2 de xaneiro o café pasará a custar 5 céntimos, con motivo de igualar as condicións de todos os centros.




O día 10-12-2008, en reunión ordinaria do Comité de Empresa, decidiuse enviar comunicación á empresa acerca destoutros asuntos:





















retención irpf

Retencións erróneas nalgunhas nóminas.


Algunhas persoas que solicitaron a través de Red Online que se aclarase o erro na retención da súa nómina de outubro recibiron como única contestación que, tras unha "exhaustiva revisión", comprobouse que a retención en realidade era correcta. Nalgúns casos iso non pode ser así porque a retención é anomalamente alta, e noutros casos é nula.


Pola súa banda, outras persoas continúan a estas alturas á espera de recibir unha resposta de Red Online.


O Comité solicitou a RRHH que se lles explique o antes posible a todas as persoas afectadas como se calculou a retención da nómina de outubro.

calendario laboral

Calendario laboral 2009.


O Comité volve a solicitar a RRHH a súa publicación.

seguro médico

Persoas sen seguro médico.


O Comité reclama a RRHH, de novo, que se regularice esta situación.

cheques de comida

Importe total dos cheques de comida.


O Comité volve a pedir a RRHH unha aclaración ao persoal.


Pinchos do nadal na CIG



Este próximo venres 19 de decembro a CIG convida a quen lle apeteza a uns pinchos no local do sindicato, na rúa Gregorio Espino nº 47. A hora está para as 20:00 e non é necesario estar afiliada/o para participar.
¡Pásate por alí!

01 decembro 2008

Estado do traballo no Comité de Empresa


A continuación enumeramos os temas nos que o Comité de Empresa está a traballar actualmente, e dos que enviou comunicación a RRHH o 27 de novembro.

Máquinas de café:
A Empresa anuncioulle de palabra ao Comité que o café das máquinas de vending pasará a custar 5 céntimos a principios do próximo ano. Solicitóuselle que informe directamente ao persoal acerca desta medida.

Adiantos realizados pola Empresa en concepto de gastos:
Hai uns anos, a Empresa realizou uns adiantos en concepto de gastos a algunhas persoas para que non tivesen que anticipar diñeiro de seu cando incurrisen en gastos por conta da Compañía. Estes anticipos debían ser regularizados no momento de causar baixa na Empresa.
Recentemente, a Empresa reclamou a devolución deses adiantos, mediante desconto na nómina durante 3 ou 6 meses, recomendándolles ás persoas con dúbidas ou dificultades para facer efectiva a devolución que se poñan en contacto co responsable de RRHH de Galiza, Paco Villadangos (pvillad).
Dende a CIG consideramos que para aplicar esta devolución a Empresa debería presentar a nómina ou a transferencia na que se fixo efectivo o anticipo ás persoas afectadas, en vez de que sexan estas as que comproben en nóminas pasadas ou extractos bancarios que as cantidades a devolver son as correctas, tendo en conta o tempo transcorrido (nalgún caso, 8 anos). Ademais, algunhas das persoas afectadas pasaron dende aquela por un cambio de funcións, momento que parecía o axeitado para regularizar as contas coa Empresa.

Retencións erróneas nalgunhas nóminas:
Algunhas persoas foron informadas pola Empresa que a retención da súa nómina de outubro estaba incorrectamente calculada. Consultado ao respecto polo Comité, RRHH simplemente recomenda ás persoas afectadas que se dirixan a Red Online.
O Comité solicitoulle a RRHH que confirme se a parte correspondente da deducción dos 400 € aprobada polo Goberno se aplicou nesa nómina.

Calendario laboral 2009:
Solicitouse a RRHH a publicación do calendario laboral do próximo ano, dispoñible xa nos seguintes boletíns oficiais:

Ir ao Calendario laboral Vigo 2009 elaborado por esta Sección Sindical.

Persoas sen seguro médico:
As persoas que se integraron en Vodafone con contrato temporal e sen ter un ano de antigüidade en Tele2 foron dadas de baixa no seguro de DKV sen causar alta no de Adeslas, de maneira que actualmente carecen de seguro, o que supón unha discriminación respecto ao resto do persoal. A condición de ter unha antigüidade mínima dun ano para ter dereito ao seguro médico é un requisito existente no Convenio de Vodafone (Artigo 17: Seguro de Saúde):
"(...) os requisitos do ámbito de aplicación (empregados Vodafone en España que, con independencia do tipo de contrato, conten cunha antigüidade superior a 1 ano na Compañía, e empregados fixos) (...)"

Non obstante, no acordo de integración para as persoas procedentes de Tele2 garántese o seguro médico para todas elas sen excepción, algo lóxico, xa que o contrario implicaría non respectar os dereitos adquiridos en Tele2, dereitos que calquera subrogación protexe.


Outros temas pendentes con RRHH non incluídos na comunicación do 27 de novembro:

Importe total dos cheques de comida:
Os cheques recibidos polo persoal procedente de Tele2 suman un importe de 1.058,73 € e non os 1.124,64 € que corresponderían aos seguintes cálculos:
7,81 €/día x 4 días/semana x 4 semanas/mes x 9 meses
A explicación parece ser que non se computaron 9 meses completos. O Comité espera que RRHH faga un comunicado ao respecto.

Criterios de pago de variable a persoas de baixa:
A unha persoa que estivo de baixa médica aplicóuselle para valorar o seu variable un criterio distinto ao doutras persoas que estiveron nesa mesma situación. Os trimestres non traballados na súa totalidade valoráronselle conforme ao seu variable inmediatamente anterior, cando nos outros casos a valoración foi a da media do variable dese trimestre do grupo da persoa afectada.
Esta cuestión está sen resolver.


Iremósvos informando da evolución de todos estes temas.

22 novembro 2008

Complemento persoal na nómina de Vodafone


Na primeira nómina como empregados/as de Vodafone puidemos comprobar que o salario base ven repartido en dous conceptos: o “Salario base” propiamente dito e un “Complemento persoal” que representa un 40% do que en nóminas anteriores aparecía como salario base unificado.
Na situación actual é indiferente recibir o salario nun único concepto ou separado en dous, e o Convenio actual de Vodafone non liga ningunha suba salarial a un concepto concreto dos que aparecen na nómina, senón ao total do salario fixo.

O risco está en que futuras subas salariais acordadas se liguen unicamente ao actual salario base e non ao total do salario fixo. É por iso que a CIG solicitou o 19 de novembro ao Comité de Empresa que fixese unha petición á Empresa para que a nómina se manteña co salario fixo recollido nun único concepto na nómina.
Nesa reunión explicóusenos que a recén constituída Comisión de Seguimento do acordo de integración xa tratou ese tema, limitándose a transmitirlle á Empresa a conveniencia de facer un comunicado ao cadro de persoal explicando o por que do complemento persoal na nómica, que ao parecer leva tempo implantado en Vodafone e aportálle beneficios fiscais á Empresa.

Constitución da Comisión de Seguimento do acordo de integración





O 13 de novembro celebrouse a primeira reunión da Comisión de Seguimento do acordo de integración de Tele2 en Vodafone. A primeira sorpresa é que a CIG, presente nas negociacións do acordo e asinante do mesmo, quedou excluída por UGT e CCOO da dita comisión como parte da representación social.
O acordo establecía o seguinte:
"As dúas partes acordan constituír unha Comisión de Seguimento, de natureza paritaria, composta por 8 membros, 4 designados pola representación social dos traballadores e os outros 4 designados pola Dirección da Empresa, que se integrará dentro do Marco de Relacións Laborais de Vodafone establecido no Cap. IX do vixente Convenio. A Comisión dotarase dos asesores necesarios para o seu correcto funcionamento onde se garantirá que polo menos 4 integrantes da parte social, entre delegados e asesores, sexan membros da actual mesa negociadora asinante deste acordo. As funcións da Comisión serán as de interpretación, seguimento e control da aplicación do presente acordo."

Con isto pretendíase que os 8 integrantes da representación social na mesa negociadora (un deles, da CIG) puidesen formar parte da Comisión de Seguimento. O parágrafo anterior esixe na Comisión un mínimo de 4 deses integrantes, ben como delegados ben como asesores, sen fixar un número máximo.
Por delegado enténdese un representante sindical de UGT ou CCOO adscrito ao Protocolo de Vodafone, non un representante electo de calquera dos Comités de Empresa de Tele2 (actualmente só permanece en vigor o de Vigo).
O representante da CIG na mesa negociadora, ao ser un delegado electo e non dos adscritos ao Protocolo de Vodafone, só podería formar parte da Comisión de Seguimento como asesor. Pero nin iso, dado que UGT e CCOO decidiron que a CIG debe quedar fóra do seguimento dun acordo do que formou parte.
Mala maneira de comezar...

Lotería de nadal da CIG




Ata o luns 15 de decembro podes comprar lotería de nadal da CIG pedíndolla a Paula López. Xógase un euro por cada un dos dous números que hai en cada rifa: 77025 e 83168.

16 novembro 2008

Situación do Comité de Vigo




Como primeiro tema do que falar, unha cuestión que xa nos chegou en máis dunha ocasión: ¿o Comité de Empresa de Vigo mantense tras a integración en Vodafone? A resposta é SI.
A Lei establece que

"a duración do mandato dos delegados de persoal e dos membros do Comité de Empresa será de catro anos, entendéndose que se manterán en funcións no exercicio das súas competencias e das súas garantías ata que non se promovesen e celebrasen novas eleccións."
(Estatuto do Traballador. Art. 67- 3).

Isto quere dicir que ata que remate o mandato o 24 de marzo de 2010 e se convoquen novas eleccións, os membros do actual Comité seguen como representantes legais do cadro de persoal.
Distinta é a situación do resto da representación sindical de Tele2 (Comité de Madrid e delegados de Barcelona e Valencia), que desaparece como tal ao desapareceren os centros de traballo respectivos debido ao traslado do persoal aos centros de traballo de Vodafone.

Aproveitamos para lembrarche que actualmente o Comité de Vigo está constituído por 3 representantes da CIG, 3 de CCOO e 3 de UGT.

Presentación


Este blog nace co obxectivo de achegar ás persoas que traballan nas oficinas de Vodafone en Vigo (Bouzas e Datacenter) o labor da Sección Sindical da CIG e aquelas cuestións de temática sindical que nos parezan de relevancia.
Xorde, entre outras cousas, para superar unha etapa na que o traspaso de información ao cadro de persoal ten sido mellorable.