07 marzo 2012

A reforma laboral e Vodafone


Como saberás, o 12 de febreiro entrou en vigor unha reforma laboral que dá máis poder aos empresarios fronte á clase traballadora e os seus representantes, e que ten como unha das súas principais finalidades o abaratamento do despedimento.
Entre outras cousas, permite que as empresas despidan cunha indemnización de 20 días (despedimento obxectivo) se tiveron 3 trimestres consecutivos de diminución dos seus ingresos ou vendas (aínda que teñan beneficios).

As consecuencias desta escandalosa e irracional medida xa as sentimos en carne propia, porque Vodafone vai ser a primeira gran empresa de telecomunicacións que faga uso dela. Así, unha empresa que vén dando beneficios e que, segundo as súas propias declaracións, está ben dimensionada, decide recortar os salarios por diversas vías, ademais de despedir empregados/as.
Esta criticable actitude só é posible por estar amparada nunha lei inxusta como poucas. Nas imaxes a continuación podes ler un resumo do impacto da reforma.

                               


Na CIG, coma sempre, non nos cruzamos de brazos. Este sábado 10 de marzo ás 20 horas sairá dende a Vía Norte unha manifestación contra a reforma laboral, como antesala da xornada de folga xeral convocada para o xoves 29 de marzo.

Se aínda che queda orgullo, sae á rúa a esixir que se deteña este abuso. Ti, como empregado/a de Vodafone, xa te converteches nunha vítima, pero antes de ti xa houbo millóns (4,7 millóns de parados no Estado español en febreiro deste ano), e seguirá habendo; poderás volver a ser ti, ou un parente teu, a túa parella, unha amizade, etc.

¡Paremos esta reforma, botémola abaixo!


Máis información sobre a reforma:
Folleto explicativo
Contido e avaliación