22 marzo 2012

O que che interesa saber sobre a reforma laboral (1ª parte: despedimentos)

Se a CIG e outros sindicatos convocaron unha folga xeral contra a reforma laboral aprobada en febreiro deste ano, non foi porque si.
Esta reforma, pensada para abaratar a man de obra e facilitar o despedimento, ten unhas consecuencias gravísimas, e para explicalas creamos dúas entradas neste blog; esta primeira tratará sobre os efectos nos despedimentos, e a segunda resumirá os restantes aspectos da reforma.


Efectos sobre o despedimento

1- Facilítase o despedimento obxectivo.
Este tipo de despedimento segue a ter a mesma indemnización de 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades, pero será moito máis fácil que a empresa te despida de maneira obxectiva, xa que unha diminución dos ingresos ou das vendas durante 3 trimestres consecutivos será xustificación suficiente.

Ademais, xa non é necesaria a autorización administrativa da autoridade laboral para os despedimentos colectivos (EREs de extinción).

2- As faltas de asistencia xustifican un despedimento obxectivo (agora máis que nunca).
Antes da reforma xa te podían despedir por faltas de asistencia intermitentes, aínda que estivesen xustificadas*, se supuñan  o 20% das xornadas hábiles en dous meses consecutivos ou o 25% en catro meses descontinuos dentro dun periodo de doce meses.
O que pasa é que era un requisito que o índice de absentismo total do cadro de persoal do centro de traballo superase o 2,5% nos mesmos periodos de tempo, e este requisito agora desaparece.

(*) Non se computan como faltas de asistencia as ausencias debidas a folga legal, o exercicio de actividades de representación legal dos traballadores, accidente de traballo, maternidade, risco durante o embarazo e a lactación, enfermidades causadas por embarazo, parto ou lactación, paternidade, licenzas e vacacións, enfermidade ou accidente non laboral cando a baixa fose acordada polos servizos sanitarios oficiais e teña unha duración de máis de vinte días consecutivos, nin as motivadas pola situación física ou psicolóxica derivada de violencia de xénero, acreditada polos servizos sociais de atención ou servizos de saúde. 


Caso práctico:

Calquera das opcións seguintes sería motivo de despedimento obxectivo (xa sabes, 20 días de indemnización por ano):
  • Coller unha baixa xustificada de 4 días, e outra de 5 días ao mes seguinte.
  • Coller unha baixa xustificada de 10 días en xaneiro, e outra de 11 días en abril. 

3- Xeralízase unha indemnización menor para o despedimento improcedente.
Antes da reforma existían dous tipos de contrato: os que tiñan unha indemnización de 45 días/ano (cun tope de 42 mensualidades) en caso de despedimento e os que tiñan unha indemnización de 33 días/ano (cun tope de 24 mensualidades).
Os contratos asinados a partir da reforma terán sempre unha indemnización de 33 días por ano en caso de despedimento improcedente. Iso si, se te despiden de maneira improcedente e tés un contrato dos de 45 días previo á reforma, a túa indemnización calcularíase así:
  • 45 días de salario por ano traballado, aplicable entre o comezo do contrato e a entrada en vigor da reforma (12/02/2012).
  • 33 días por ano, aplicable entre a entrada en vigor da reforma e a data do despedimento.
Se a indemnización acumulada antes da entrada en vigor da reforma supera 720 días de salario (24 meses, que é a correspondente a 16 anos traballados), o límite a cobrar está en 1260 días (42 meses), pero a indemnización acumulada despois da reforma non se conta.
En cambio, se a indemnización acumulada antes da entrada en vigor da reforma é inferior a 720 días de salario, esa cantidade pódese sumar á acumulada despois da reforma, pero neste caso o máximo a cobrar é de 720 días.


Caso práctico 1:
O 12/02/1994 asinaches un contrato dos que teñen unha indemnización de 45 días/ano e o 12/02/2013 despídente de maneira improcedente. Pasaches 19 anos na empresa, 18 antes da reforma e 1 despois dela.

Os pasos para calcular a indemnización que che corresponde son estes:


- ¿Cales son as indemnizacións teóricas antes e despois da reforma?
  • A indemnización acumulada ata o 12/02/2012 é de 18 anos x 45 días/ano = 810 días.
  • A indemnización acumulada dende o 12/02/2012 é de 1 ano x 33 días/ano = 33 días.
- ¿A indemnización anterior á reforma supera os 720 días? 
Si, así que unicamente conta esa cantidade: 810 días. A acumulada despois da reforma non se suma.


- ¿A indemnización obtida supera o máximo? 
Non, xa que o máximo permitido neste caso é de 1260 días, así que a cantidade a cobrar é 810 días de salario.


Caso práctico 2:
O 12/02/1997 asinaches un contrato dos que teñen unha indemnización de 45 días/ano e o 12/02/2015 despídente de maneira improcedente. Pasaches 18 anos na empresa, 15 antes da reforma e 3 despois dela. Os pasos para calcular a indemnización que che corresponde son estes:


- ¿Cales son as indemnizacións teóricas antes e despois da reforma?
  • A indemnización acumulada ata o 12/02/2012 é de 15 anos x 45 días/ano = 675 días.
  • A indemnización acumulada dende o 12/02/2012 é de 3 anos x 33 días/ano = 99 días.
- ¿A indemnización anterior á reforma supera os 720 días? 
Non, así que se poden sumar ambas cantidades: 675 + 99 = 774 días


- ¿A indemnización obtida supera o máximo? 
Si, así que a cantidade a cobrar é o máximo permitido neste caso: 720 días de salario.




Importante:
No caso de despedimento improcedente, os salarios de tramitación (o salario correspondente ao período entre o despedimento e unha sentencia xudicial que o declare improcedente) só se manteñen se o empresario opta pola readmisión; a reforma elimínaos no caso de que o empresario decida pagar a indemnización correspondente.