22 novembro 2008

Constitución da Comisión de Seguimento do acordo de integración





O 13 de novembro celebrouse a primeira reunión da Comisión de Seguimento do acordo de integración de Tele2 en Vodafone. A primeira sorpresa é que a CIG, presente nas negociacións do acordo e asinante do mesmo, quedou excluída por UGT e CCOO da dita comisión como parte da representación social.
O acordo establecía o seguinte:
"As dúas partes acordan constituír unha Comisión de Seguimento, de natureza paritaria, composta por 8 membros, 4 designados pola representación social dos traballadores e os outros 4 designados pola Dirección da Empresa, que se integrará dentro do Marco de Relacións Laborais de Vodafone establecido no Cap. IX do vixente Convenio. A Comisión dotarase dos asesores necesarios para o seu correcto funcionamento onde se garantirá que polo menos 4 integrantes da parte social, entre delegados e asesores, sexan membros da actual mesa negociadora asinante deste acordo. As funcións da Comisión serán as de interpretación, seguimento e control da aplicación do presente acordo."

Con isto pretendíase que os 8 integrantes da representación social na mesa negociadora (un deles, da CIG) puidesen formar parte da Comisión de Seguimento. O parágrafo anterior esixe na Comisión un mínimo de 4 deses integrantes, ben como delegados ben como asesores, sen fixar un número máximo.
Por delegado enténdese un representante sindical de UGT ou CCOO adscrito ao Protocolo de Vodafone, non un representante electo de calquera dos Comités de Empresa de Tele2 (actualmente só permanece en vigor o de Vigo).
O representante da CIG na mesa negociadora, ao ser un delegado electo e non dos adscritos ao Protocolo de Vodafone, só podería formar parte da Comisión de Seguimento como asesor. Pero nin iso, dado que UGT e CCOO decidiron que a CIG debe quedar fóra do seguimento dun acordo do que formou parte.
Mala maneira de comezar...